IGACIENCIA (Institución Galega de Ciencia)

DENOMINACIÓN, FINS E ÁMBITO:

 

Artigo 1. Coa denominación Institución Galega de Ciencia (de aquí en adiante a Institución ou IGACIENCIA) constitúese unha ASOCIACION ao abeiro da lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, e normas complementarias, con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro.

 

Artigo 2. Esta asociación constitúese por tempo indefinido.

 

Artigo 3. A existencia desta asociación ten como fins:

-A realización de actividades con fins educativos, culturais, científicos e de fomento á investigación, achegando a ciencia e os progresos e resultados relacionados con ela á sociedade, con especial énfase entre os nenos e mozos, e procurar os medios axeitados para poder levar a cabo estas actividades.

-Concienciar ao conxunto da sociedade galega, sobre a importancia da I+D+i no desenvolvemento económico e benestar social de Galicia, fomentando a cultura científica.

-Procurar facer da sociedade galega unha sociedade ben informada no ámbito da ciencia e a tecnoloxía.

-Promover un maior recoñecemento social das actividades de investigación, desenvolvemento e innovación.

-Impulsar o espírito científico e emprendedor e as profesións de científicos e tecnólogos entre as mulleres e os mozos.

-Achegar a todos os niveis da sociedade as actividades de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica executadas e promovidas en Galicia.

-Promover a participación dos cidadáns nas actividades de ciencia e tecnoloxía a través desta asociación.

-Participar na Semana da Ciencia en Galicia e noutras actividades como Diverciencia, Rallyes e outros concursos educativos de tipo científico, Mathematical Masterclasses galegas e Feiras das Ciencias para mostrarlle ao alumnado e aos cidadáns como a ciencia inflúe nas súas vidas a través de actividades de carácter divulgativo, lúdico e participativo.

 

Artigo 4. Para o cumprimento destes fins realizaranse as seguintes actividades:

1) Cursos de Formación para profesorado, para alumnado e cidadáns en xeral.

2) Exposicións de Ciencia e Cultura para profesorado, para alumnado e para cidadáns en xeral.

3) Charlas, Cafés, Mesas redondas, etc…

4) Participar na Semana da Ciencia en Galicia e noutras actividades como Diverciencia.

5) Organizar Rallyes e outros concursos educativos de tipo científico,

6) Organizar Mathematical Masterclasses galegas

7) Organizar Feiras das Ciencias para mostrarlle ao alumnado e aos cidadáns a viveza das ciencias.

8) Realizar a revista da Asociación asi como a súa páxina web e diversas publicacións en formato dixital.

9) Todas aquelas outras que favorezan acadar os fins da asociación.

Artigo 5. O seu ámbito territorial no que vai realizar principalmente as súas actividades é todo o territorio da Comunidade Autónoma Galega.

Esta asociación está aberta a todos os sectores da sociedade galega -tanto profesorado como persoas que desempeñen calquera outra profesión-, especialmente profesionais da ciencia en empresas, seguridade social, ... pero calquera persoa interesada polo desenvolvemento da ciencia e da cultura científica galega é benvida.